Concello de Rianxo
Inicio Mapa Web Contactar RSS
Venres, 10 de Setembro de 2010

Introdución

Os petroglifos ou gravados rupestres son ben abundantes no Concello de Rianxo. Na actualidade están catalogadas 59 estacións rupestres, moitas formadas por varias laxes con gravados dando lugar a conxuntos bastante homoxéneos. Os motivos que aparecen son os habituais nos petroglifos galegos: cazoletas, círculos concéntricos, figuras xeométricas..., pero os máis característicos son as representacións de animais, especialmente cérvidos machos con cornamenta, e as armas. No tocante á interpretación dos restos temos que salientar que as imaxes son froito dunhas condicións sociais, económicas e culturais que quedan reflectidas na rocha. En xeral, a posición máis común coa que se figuran os animais soe coincidir coa posición coa que o ollo humano acostuma a percibilos.

Cómpre sinalar que os únicos temas que permiten fixar cun mínimo de rigor a cronoloxía dos gravados rupestres son as armas e os ídolos-cilindros. Dentro das armas, tanto as alabardas coma as espadas curtas e os puñais remítennos ó III milenio e ó primeiro tercio do I milenio; é dicir, ós primeiros tempos da metalurxia.

O complexo rupestre de Rianxo distribúese pola zona occidental da Península Rianxeira, entre as parroquias de Leiro, Rianxo e Asados. As altitudes nas que se atopan varían entre os 60 e 100 metros, que supoñen a transición entre as zonas altas do monte e as chairas litorais onde se instalaban os cultivos.

Este complexo rupestre vénse engadir ós xa coñecidos de Catoria, Bamio e Vilanova de Arousa na provincia de Pontevedra e Lesende, Cubeliño, Loxo, Axeitos e Bealo na da Coruña, e todas elas na ribeira da Ría de Arousa. Destaca a similitude dun tipo de cuadrúpedos de tamaño medio-grande e corpo rectangular gravado nun só trazo, con patas lineais engadidas ó corpo, que dan en pensar nun estilo común coñecido coma o tipo arousano.

Nesta sección amósanse os grupos máis importantes, que constituen zonas amplias con gravados. Hai máis petroglifos no Concello, pero trátase maiormente de laxes ailladas ou pequenos grupos. Hai que ter en conta que moitos non son sinxelos de atopar, especialmente se a vexetación está alta e dependendo tamén da dirección da luz solar. Moitos dos grupos son extensos e non se limitan á localización no mapa, senón que se estenden polos arredores en áreas, nalgúns casos, bastante extensas.

Existen multitude de achádegos máis, algúns descubertos recentemente, en Abuín, Brión, Monte Picoto, Monte Lioira, Isorna, Monte Ceán, Torral, Castiñeiriña, Rego do Floxo (Taragoña), Monte Pedride, Quintáns, Rianxiño, enseada de Leiro, ... pero trátase polo xeral de rochas illadas e con gravados difíciles de apreciar a simple vista na maioría dos casos.

Algúns datos e as imaxes foron obtidos de Un complexo de gravados rupestres en Rianxo, A Coruña, Xoán Andrés Fernández Castro, Pedro Piñeiro Hermida, Ramón Ces Castaño, Brigantium, Boletín do Museu Arqueolóxico e Histórico da A Coruña, volume 8, anos 1993/94.

Icona de conformidade co Nivel Dobre-A, das Directrices de Accesibilidade para o Contido Web 1.0 do W3C-WAI Consellería de Innovación e Industria ©2007 Concello de Rianxo | Aviso legal | Contactar | Créditos | Castellano | English