Concello de Rianxo
Inicio Mapa Web Contactar RSS
Venres, 10 de Setembro de 2010

Introdución

As mámoas conforman os hachádegos máis importantes da cultura megalítica. Penetran na Península Ibérica no V milenio e en Galicia dende Portugal, e esténdese ata o 2100 a. de C.

As mámoas consisten nun amontoamento de terra e pedras (túmulo) que acollen un ou varios enterramentos. No centro da mámoa, a anta ou cámara funeraria, componse dun dolme, estructura ovalada de grandes pedras que forman unha cámara no interior do túmulo.

As mámoas poden presentar un corredor de acceso, de forma que se pode acceder ó interior da cámara dende o exterior a través do túmulo. Tanto na anta coma no corredor é habitual atopar restos de aparellos e ferramentas, vaixelas e outros restos.

As mámoas sóense localizar en grupos formando unha gran necrópole e en lugares visibles, normalmente lonxe de terreos de cultivo, polo que se cre que poderían delimitar o territorio dunha comunidade.

O aspecto externo dunha mámoa non escavada non é máis ca un gran amontoamento de terra e vexetación, normalmente sobre uns 20 metros de diámetro, pero sóese distinguir dun accidente propio do terreo. Moitas mámoas están profanadas, normalmente a través dunha escavación dende a parte superior do túmulo que soe ser visible a simple vista.

Nesta sección destacaremos algunhas das necrópoles do Concello, anque en ocasións aparecen túmulos solitarios. Non todas están escavadas ou sequera profanadas, polo que en moitos casos só se observan amontoamentos de terra e vexetación. Incluso as escavadas son en ocasións dificiles de ver ou acceder debido á altura do toxo que as cubre.

Algúns datos e imaxes foron obtidos de Brigantium, Boletín do Museu Arqueolóxico e Histórico da A Coruña, volume 7, anos 1991/92.

Icona de conformidade co Nivel Dobre-A, das Directrices de Accesibilidade para o Contido Web 1.0 do W3C-WAI Consellería de Innovación e Industria ©2007 Concello de Rianxo | Aviso legal | Contactar | Créditos | Castellano | English