Concello de Rianxo
Inicio Mapa Web Contactar RSS
Venres, 10 de Setembro de 2010

Santa Comba de Rianxo

Praza de Rafael Dieste, presidida pola igrexa.

Praza de Rafael Dieste, presidida pola igrexa.

A Igrexa Parroquial de Santa Comba de Rianxo é unha igrexa gótica iniciada a finais do século XV e é quizáis unha das máis interesantes da comarca. Consta de nave central, capela maior, dúas capelas laterais, dúas sacristías (a "sacristía vella" e a nova sacristía, máis recente, nun corpo adosado na parte posterior) e torre campanario. As súas dimensións exteriores son de 33,50 por 25,65 metros.

A nave principal é de bóveda apuntada e divídese en catro tramos con arcos tamén apuntados. Presenta tribuna de recente construcción á que se accede por escaleira escaleira espiral, a mesma que accede ó campanario.

A capela maior presenta bóveda de crucería. Destacan o retablo barroco, a pila bautismal e o Cristo de madeira que xace no altar maior, a modo de urna.

A porta principal pertence ó estilo plateresco, ó igual que as portas laterais. É de arco de medio punto con arquivoltas e ten repisas para figuras xa inexistentes. O tímpano representa a Cristo amosando as xagas e anxos tocando trompetas. A fachada tamén presenta rosetón e está rematada en piñón cunha cruz.

Os muros laterais presentan contrafortes escalonados. A cornisa contén unha curiosa colección de figuras antropomorfas variadas en actitudes pecadentas.

Altar Maior na Hora Santa

Altar Maior na Hora Santa

A torre, construída probablemente a principios do XVII, álzase no lado esquerdo da fachada; é barroca e alberga o campanario e un reloxio.

Á esquerda do terceiro tramo da nave principal ábrese unha capela lateral construída en 1675 por un membro da familia Bastón. Presenta sepulcro e escudo e cúpula esférica. Nesta capela atópase a imaxe do Nazareno.

Á dereita do cuarto tramo ábrese outra capela lateral con bóveda de arista na que se atopa un retablo posiblemente neoclásico coa imaxe da Virxe das Dores, quizáis a máis bela das que se conservan na Igrexa.

Dende o altar maior accédese á "sacristía vella", con bóveda de crucería e porta exterior. Entre a capela lateral do terceiro tramo e esta sacristía está a antiga capela lateral esquerda, que presenta un escudo no frontal, e que carece de uso público actualmente.

Icona de conformidade co Nivel Dobre-A, das Directrices de Accesibilidade para o Contido Web 1.0 do W3C-WAI Consellería de Innovación e Industria ©2007 Concello de Rianxo | Aviso legal | Contactar | Créditos | Castellano | English